Wednesday 01 de May de 2024

A Xunta incrementou máis dun 50% a inversión nos xulgados galegos na última década malia coincidir cos peores anos da crise económica


As novas creacións entre 2009 e 2021 ascenden a 26 xulgados, 12 prazas de maxistrado e 9 xuíces de adscrición territorial

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou nunha comparecencia parlamentaria o “consenso unánime” co Poder Xudicial en Galicia na proposta de creación de novas unidades xudiciais

A Xunta de Galicia incrementou máis dun 50% a inversión nos xulgados galegos na última década malia coincidir cos peores anos da crise económica, de tal maneira que, entre os anos 2009 e 2021, creáronse 26 xulgados, 12 prazas de maxistrado e 9 xuíces de adscrición territorial.

En resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, recordou que as competencias para a creación de novas unidades xudiciais son do Goberno central, e que o número de xulgados de nova creación é sempre limitado, polo que as propostas que se trasladan desde a Xunta ao Estado deben priorizarse partindo do volume de litixiosidade, entre outros factores.

A proposta de creación de novas unidades para Galicia decídese sempre na Comisión Mixta, formada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Xunta de Galicia. Para unha priorización obxectiva, Juan José Martín considera “fundamental” contar co parecer dos máximos representantes do Poder Xudicial en Galicia, “que ofrecen unha visión global e conxunta de todas as necesidades”. Por iso, o director xeral de Xustiza destacou o “consenso unánime” que sempre se acada nas propostas que se fan chegar ao Goberno central.

Nesa liña de colaboración, logo de publicarse a Lei 3/2020 de medidas procesuais e organizativas para facer fronte á covid-19 no ámbito da Administración de Xustiza, a Comisión Mixta acordou priorizar a xurisdición social en Galicia, propoñendo de xeito unánime a creación de tres xulgados do Social, os que entraron en funcionamento o pasado 31 de marzo en Lugo, A Coruña e Vigo.

Polo que respecta á programación do presente ano, propúxose a creación doutras tres novas unidades no 2021: un xulgado do Mercantil na Coruña, unha praza de maxistrado para a Audiencia Provincial de Lugo e outra praza de maxistrado para a Audiencia Provincial de Ourense.

Dispoñibilidade para afrontar o custe
A Xunta de Galicia manifestou en todo momento a súa dispoñibilidade para afrontar o custe que supón a posta en marcha dos xulgados asignados. Respecto dos tres novos xulgados do Social creados este ano, o gasto anual de persoal supera os 728.000 euros, aos que hai que engadir 90.000 euros máis para mobiliario e equipamento informático. Juan José Martín destacou no Parlamento de Galicia o “importante esforzo orzamentario” que supón para as arcas galegas a creación destes tres novos xulgados, cunha inversión no seu primeiro ano de funcionamento de máis de 800.000 euros.

Respecto ao 2021, a previsión pasa por destinar 185.894 euros en persoal e 30.000 euros máis en mobiliario e equipamento informático ao novo xulgado mercantil da Coruña, así como 5.000 euros máis en dotación material a cada unha das novas prazas de maxistrado previstas.

Ese esforzo da Administración autonómica por mellorar os recursos dos xulgados galegos non é nova, senón que nace do espírito co que a Xunta asumiu as competencias en persoal e equipamento xudicial. Así, desde o ano 1995 foron creados 89 xulgados e 36 prazas de maxistrado; en total, 125 novas unidades xudiciais. Entre os anos 2009 e 2021 creáronse 26 xulgados en Galicia (contando a sala de Mercantil prevista para A Coruña), 12 prazas de maxistrado e 9 xuíces de adscrición territorial.

No capítulo económico, ese incremento nas dotacións supuxo un aumento orzamentario que pasou dos 68 millóns de euros no ano 2010 a 106 millóns neste exercicio, o que se traduce nunha medra de 38 millóns, máis dun 50%. O número de funcionarios pasou de 2.321 en 2010 a 2.697 no presente ano; é dicir, 376 funcionarios máis nos novos órganos xudiciais, fiscalías e servizos do Imelga, cun incremento dun 15%.